Tuesday 14 de May de 2024

O Concello de Brión investirá 47.000 euros na instalación de pavimento continuo de caucho en tres parques infantís do municipio


 

A actuación realizarase nos parques do Outeiro (Os Ánxeles) e nos do Tremo e da avenida de Santa Minia (Brión)

O Concello de Brión vén de sacar a licitación por 47.515,13 euros un proxecto de mellora de tres parques infantís do municipio, emprazados nas parroquias de Brión e Os Ánxeles. Unhas obras que suporán a instalación dun pavimento continuo de caucho de cores que fomente a creatividade da rapazada e dote aos parques infantís dunhas mellores condicións de limpeza e seguridade fronte a caídas desde os xogos existentes.

“A actuación realizarase en tres dos parques con maior número de nenos e nenas en idade de usalos como son o do Outeiro, na parroquia dos Ánxeles, e os do Tremo e da avenida de Santa Minia, na parroquia de Brión”, explica o alcalde en funcións de Brión, José Luís García. Na actualidade, os tres parques contan con xogos pero carecen dun pavimento axeitado, coa excepción do parque do Tremo que conta cunha capa amortiguadora de area.

Grazas a estes traballos, as zonas de xogo e de aprendizaxe infantil serán acondicionadas cun revestimento axeitado en caucho de cores que garanta un nivel óptimo de confort e protección para a rapazada, minimizando o risco de lesión e facilitando a psicomotricidade e o desenvolvemento visual, táctil e espacial dos cativos mediante o uso de cores e texturas.

O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o vindeiro 12 de xuño. Unha vez adxudicadas, o período de execución das obras é de dous meses, polo que estarán rematadas antes de finalizar o verán. Deste xeito, o Concello de Brión continúa coa política de mellorar cada ano algún parque infantil, como xa aconteceu nos parques infantís de Monte Devesa, Gándara, Guitiande e Brión.